Monday 13 de May de 2024

O delegado territorial da Xunta realiza unha visita institucional ao concello de Boqueixón


Ovidio Rodeiro reuniuse cos concelleiros da corporación municipal e fixo un repaso dos proxectos financiados pola administración autonómica no municipio e tamén das actuacións pendentes

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, completou a súa primeira visita institucional a un concello dende que tomou posesión do cargo. O municipio elixido foi Boqueixón, onde foi alcalde no último ano e medio. Alí foi recibido polos concelleiros da corporación municipal, cos que posteriormente mantivo unha xuntanza para repasar os proxectos que ten actualmente en marcha a Xunta en Boqueixón.

Así, falaron do convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a ampliación da rede de saneamento ata chegar ao 95% do territorio, cun investimento dun millón de euros, e das obras que se están a realizar na AC-960 (A Susana-Ponte Ledesma) e na AC-261, que suman unha achega da Consellería de Infraestruturas e Vivenda de 450.000 euros.

Do mesmo xeito, o delegado territorial lembrou que xa está a exposición pública o proxecto da senda peonil que comunicará Sergude con Santiago, dun quilómetro de lonxitude e que suporá un investimento de 600.000 euros; e incidiu na importancia das obras de acondicionamento que, cunha axuda de 200.000 euros de Política Social, se están a realizar no centro social de Sergude para convertelo en centro sociocomunitario.

No que respecta ás diferentes obras que se executaron recentemente no entorno do Pico Sacro, cun investimento de 28.000 euros en mellora da sinalización e no acondicionamento dos accesos, Ovidio Rodeiro anunciou unha próxima actuación financiada pola Xunta para a rehabilitación da igrexa de San Sebastián de Pico Sacro, que contará cunha axuda de 21.000 euros.

Ademais, lembrou o investimento de 80.000 euros que, con cargo ao Plan Urbe, serviu para arranxar varias rúas do termo municipal ou a axuda da Consellería de Industria para a conexión da rede de colectores de Sergude coa rede de saneamento xeral.

Finalmente, e tras facer un repaso ao estado doutros proxectos en marcha como o sendeiro que comunicará Ponte Ledesma coas parroquias de Ledesma, Sucina e Donas, anunciou que neste ano quedarán rematadas as obras da concentración parcelaria de Boqueixón-A Granxa. “Este ano daremos por concluídos os traballos que se están a realizar nos entronques dos novos viais, que a súa vez vertebrarán novos territorios e só quedará pendente a entrega dos títulos de propiedade”, asegurou Rodeiro, que quixo deixar constancia con esta visita “o apoio e a atención que sempre se presenta desde a Xunta aos pequenos concellos”.